Sunday 12 de May de 2024

Arte miúda en San Sadurniño


Vanvos unhas cantas fotos das dúas obras de arte nas que estiveron traballando as nenas e nenos de San Sadurniño nos últimos días.

A os nenos e nenas de Igrexafeita inauguraron onte á tardiña o mural que fixeron dentro do proxecto “Debullando Cores” da Concellaría de Cultura co obxectivo de incentivar a creatividade infantil e mellorar o aspecto de distintos espazos públicos.

Igual que ocorrera hai unhas semanas en Santa Mariña do Monte, neste caso aproveitáronse versos de Rosalía de Castro como eixo temático do deseño, no que traballaron durante catro días Alba, Anxo, Birtu, Elvia e Sara (na foto só están Elvia e Alba, situadas no centro) con axuda da artista Paula Aneiros (á esquerda da imaxe). Decoraron unha das entradas ao local social da Torre, cun resultado “moi elegante” e que, ademais, “se integra perfectamente no edificio”, segundo comentou a concelleira de Cultura, Amparo Calvo (á dereita da foto).

Porén, a arte miúda de San Sadurniño non se cingue só aos murais. Hai uns días abriu a exposición fotográfica “Pegadas dun pasado” -da que xa enviamos nota e imaxes- e no programa de conciliación Aldea de Verán tamén se fan artistadas. Onte estiveron aprendendo cousas sobre a tradición dos Maios e as alfombras florais. Todo o aprendido púxose en práctica durante a mañá debuxando sobre o chan un espectacular deseño feito con xiz, follas, pétalos e outros materiais reciclados.